viernes, 27 de octubre de 2017

GALICIENCIA

Acaban de chamarmos para comunicarnos que os 5 equipos que presentaron ideas para o concurso de proxectos foron seleccionados, así que:
 REBECA E SERGIO presentarán unha maqueta do sistema solar
 IAGO E NAIARA un sistema solar móbil
 MARÍA E NOA un eclipse solar e luar
 ALBA P E ALBA S unha caixa luar
BRAIS E XOEL unha maqueta dun foguete espacial

 Ademais o resto do alumnado de 5ºA e 5ºB visitará a exposición. Clicade na imaxe para saber máis de Galiciencia

 NORABOA A TODOS AGORA A ESMERARSE CON ESAS MAQUETAS!!!

martes, 24 de octubre de 2017

BIBLIOCONCERTOS

Este venres comezamos cos Biblioconcertos e ao igual que o ano pasado serán BAÑOS SONOROS, inspirados en paisaxes sonoras diversas. O grupo de 5ºB será o encargado de acollervos na aula de psicomotricidade na hora do recreo.

ESPERÁMOSVOS!!!

Escoitaredes algo semellante a isto:

DÍA DAS BIBLIOTECAS ESCOLARES

O 24 de outubro é, desde hai 20 anos, o Día da Biblioteca, pois van xa dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. Nesta ocasión foron dúas mulleres da "periferia", a ilustradora vasca Elena Odriozola e a escritora galega Ledicia Costas, as encargadas de darlle fondo e forma e esta mensaxe a prol da existencia das bibliotecas. 
Fermosísimo é o texto de Ledicia CostasPremio dos Clubs de Lectura 2016, que nos facilita GALIX na súa versión  orixinal en galego e do que entresacamos un parágrafo: 

"Alguén me contou que o 24 de outubro é o Día da Biblioteca. Sería xenial organizar unha festa con confeti e pompas de xabón. Celebrala ao grande. Encantaríame vestirme para tal ocasión como o personaxe dalgún libro, sentarme na mesa dunha biblioteca da cidade onde vivo e esperar a que fosen visitarme. Nas bibliotecas podes ser quen ti queiras. Desde Mary Poppins ata Matilda, Atreyu, Drácula ou mesmo Pippilotta Viktualia Rullgardina Krusmynta Efraimsdotter Långstrump. Podes poñerte botas de pelo, plumas, zancos e chapeus. Chapeus! Iso é! Imaxino a unha pequena lectora achegándose a min discretamente, atraída polas cores e formas do meu chapeu:
-- Sombreireira tola, que festa máis marabillosa! Sería tan amable de servirme unha cunca de té?" 
Fonte:  http://www.edu.xunta.es/biblioteca/blog/?q=node/907

martes, 17 de octubre de 2017

NORMAS DE USO DA BIBLIOTECA DURANTE O CURSO 17/18

Aquí vos deixamos o tríptico que enviamos a casa coa información sobre  a biblioteca. Lembrade que para os préstamos no recreo os cursos tedes un día asignado á marxe das visitas que facedes cos titores.

domingo, 15 de octubre de 2017

BIBLIOTECAS ESCOLARES

Dende o blog das bibliotecas escolares compartimos o lema para este curso:

Aprender a pensar a través dos contos, da tradición oral, das lecturas de ficción, da poesía, do teatro; a través das lecturas de materiais de divulgación científica, a través das investigacións. Aprender a pensar co cine e coa música. Aprender a pensar a través do diálogo, nos clubs de lectura, nas actividades compartidas. Aprender a pensar baixo a guía e orientación dun profesorado consciente da importancia da curiosidade como motor vital e, tamén, da importancia de activar no alumnado os mecanismos  para desenvolver o pensamento complexo. Aprender a pensar nas clases de filosofía, pero tamén fóra das aulas regladas, onde a vida flúe en todo o seu misterio. A biblioteca escolar é un espazo privilexiado para que o alumnado non perda a súa capacidade de asombro; para que aprenda a formularse preguntas diante dos distintos fenómenos naturais ou sociais e, tamén, a procurar algunhas respostas á complexidade que lle toca vivir. 
 

miércoles, 11 de octubre de 2017

XA ESTAMOS DE VOLTA!!!

 Margarida está preparada  para encher as vosas vidas de lecturas, aprendizaxe e diversión. 

Este ano ademais a nosa biblioteca vai a estar moi "animada" pois o reino animal vai estar por todas partes.
 O pasado xoves comezamos a lectura silenciosa lendo fóra, despois de disfrutar coa visita do mago Calí. O xoves pasado ademais a biblioteca abríu para todo o alumnado e xa estamos facendo empréstito nos recreos. 

 Estade atentos porque ademais imos ter talleres e moitas cousas máis.

Non perdedes comba que isto marcha!!!